Sunday 28 de April de 2024

O caderniño Barbanceses en Mauthausen presentarase na Pobra


O Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal será escenario no 24 de setembro, a partir das 20.30 horas, da presentación do caderniño n°7 da colección Episodios Republicanos Barbanzáns, e que leva por título Barbanceses en Mauthausen. Así o deron a coñecer o concelleiro da Memoria Histórica, Xabier Santos (BNG), e membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza: a presidenta, Celia García; o secretario, Xulio Axeitos; e a tesoureira, Pilar Pereiro.

O edil expuxo que se trata do segundo acto da Memoria Histórica que se desenvolve no municipio unha vez se retomaron as actividades impulsadas polo Concello despois de que estivesen interrompidas con motivo da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19. Do mesmo xeito, o concelleiro trasladou o seu agradecemento á entidade polo labor que levan a cabo e manifestou que “terán as portas abertas para vindeiros actos.”

Pola súa parte, Celia García apuntou que os caderniños dos Episodios Republicanos Barbanzáns “teñen moi boa acollida na nosa zona porque nos acercan á nosa historia” ao versar sobre “nomes, lugares e feitos que nos resultan próximos.” Neste senso, salientou a importancia de contribuír á divulgación dos mesmos, pois “cremos que unha sociedade democrática e madura non pode ir para adiante sen coñecer o seu pasado.” Tamén felicitou ao Concello por contar no seu organigrama cunha concellaría dedicada á Memoria Histórica.

O caderniño a presentar, obra de Xoán Fernández Callón e con portada ilustrada por Uxía Fernández Outeiral, ofrece, segundo explicou Xulio Axeitos, “un estudo minucioso arredor dos 14 barbanceses que estiveron no campo de concentración de Mauthausen.” Relátase así como acabaron alí e faise un repaso pola vida destes veciños.

As persoas interesadas en asistir ao acto de presentación deberán anotarse no enderezo electrónico crmhbarbanza@gmail.com ou no teléfono de contacto 664081327. Tamén poderán facelo in situ no propio día do evento. Será preciso indicar nome, apelidos e teléfono de contacto. Seguiranse as medidas establecidas por mor do coronavirus.